2000 euros para causas sociais se Sanxenxo logra fomentar a reciclaxe entre a súa cidadanía
Sanxenxo únese aos municipios que participan na campaña 'Recicla e únete ao reto', posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes. O obxectivo é aumentar nun 10% as cifras dos residuos do contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) con respecto ao mesmo período do ano anterior, dende o 1 de febreiro ata o próximo 30 de abril.
Ecoembes encárgase de medir o incremento de enchido dos contedores amarelos en cada municipio participante e farao público, polo menos unha vez ao mes, durante o período da campaña. Esta información ofrecerase na páxina web www.uneteaoreto.com
Se Sanxenxo logra superar o reto poderá elixir unha causa social, a acordar cos organizadores, aos que doará 2.000 euros. Trátase de fomentar a reciclaxe de envases lixeiros e concienciar a sociedade cun final solidario.
Un gran contedor amarelo (4 metros de alto e 2 de ancho) situarase nun lugar estratéxico de moito tránsito de peóns mentres dure a campaña. Segundo o goberno local, o contedor actuará de chamada de atención e ao mesmo tempo será un magnífico soporte para incluír as instrucións do reto e animar á que a cidadanía se comprometa e participe.