Portas estrea camión de recollida de residuos sólidos urbanos grazas ao Plan Concellos
Por Redacción
O Concello de Portas vén de adquirir un camión de recollida de residuos sólidos urbanos, así como sanear as augas residuais nos lugares de Outeiro, Currás e A Estación, grazas á partida de 300.000 euros procedente do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O novo camión recolledor de residuos conta con carga traseira para a recollida de lixo e gran forza de compactación para realizar este servizo dun xeito máis eficiente. A súa caixa recolledora conta con oito metros cúbicos de capacidade e é completamente estanca, para evitar posibles verteduras nas rúas. Ademais, o vehículo dispón de sistemas que garanten a seguridade das persoas que o empregan.
Pola súa banda, a nova rede de saneamento nos lugares de Outeiro, Currás e A Estación estendeuse tanto por estradas provinciais coma no viario municipal, con preto de 1,3 quilómetros de tubaxes, 26 pozos de rexistro e un de bombeo.
Para coñecer estas actuacións, desprazáronse ata a localidade os deputados provinciais Santos Héctor e Manuel González, nunha visita na que estiveron acompañados polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o concelleiro Víctor Estévez.
Santos Héctor quixo poñer en valor que as dúas actuacións realizadas ao abeiro deste plan provincial están en sintonía co compromiso medioambiental adquirido polo ente provincial e compartido tamén polo Concello de Portas. Ademais, segundo resaltou o deputado, "estas actuacións tamén melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas" cunha mellora na prestación duns servizos tan básicos como son a recollida de lixo ou o saneamento no rural.
Pola súa banda, o alcalde de Portas quixo agradecer á Deputación estas achegas e adiantou que o seu concello destinará case unha terceira parte da próxima partida de este plan, correspondente a este 2021 e cunha achega de 400.000 euros, á contratación de persoal. En palabras de Ricardo Martínez, "estamos nun momento de crise e cremos que resulta convinte favorecer a contratación de xente para traballos que hoxe en día sen van a demandar máis coa COVID-19".