A concelleira de Educación analiza con técnicos da Xunta o proxecto de mellora pendente no CEIP Viñas
Por Redacción
A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, mantivo esta semana unha reunión con técnicos da Xunta de Galicia, para abordar a situación na que se atopa o CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador.
A titular deste departamento lembra que a Administración autonómica aínda ten pendente de execución unha reforma integral das instalacións, que afondaría na mellora da eficiencia enerxética deste colexio.
A edil do BNG incidiu en que esta actuación "é unha demanda histórica, que tanto o propio Concello como o tecido educativo veñen reclamando desde hai anos".
Rodríguez Alonso e os técnicos, acompañados por responsables da dirección do CEIP, pasaron revista ao centro educativo. A concelleira poiense valorou positivamente este encontro e salienta a boa vontade que parece existir "entre todas as partes" para que este proxecto finalmente poida ser unha realidade.
"Confiamos e agardamos que a Xunta de Galicia lle dea unha solución definitiva no menor tempo posible, porque estamos a falar dunha obra moi necesaria”, subliñou.
Precisamente, Raquel Rodríguez lembrou que tamén se lle remitiu un escrito á Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra para tratar este tema. "Estamos pendentes de que nos dean resposta para poder convocar unha reunión que sirva para seguir avanzando neste tema", indicou a integrante do Goberno municipal de Poio.
En concreto, a comunidade escolar do CEIP Viñas coincide co Concello á hora de solicitar unha remodelación da cuberta, así como das fiestras, de xeito que as instalacións pasasen a contar cun illamento térmico de calidade, que poña fin a posibles filtracións de humidade e outros problemas similares.
A concelleira de Educación explica que, ao tratarse duns traballos que implican dunha mellora estrutural das dependencias, deben ser asumidos pola Xunta de Galicia, toda vez que o Concello só ten competencias para asumir labores de mantemento ou reparacións.
"Seguiremos moi pendentes das necesidades de todo o tecido escolar de Poio para, en caso de que sexa preciso, dar traslado das mesmas á administración competente ou para resolvelas nós directamente, en caso de que teñamos competencias", garantiu Rodríguez Alonso, que lembra que, precisamente, nos Orzamentos de 2021 contémplanse partidas para levar a cabo diferentes melloras nos centros.