As obras de reposición de firme en Xosé Malvar, Fragas e Palamios comezarán o mércores
Por Redacción & Cristina Saiz
A vindeira semana comezarán os traballos de rehabilitación integral da capa de rodadura nas rúas Xosé Malvar, Fragas e Palamios.
Segundo anunciou a Concellaría de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, xestionada pola concelleira Eva Vilaverde, o mércores 17, iniciarán os traballos en Xosé Malvar e se prolongarán ao longo de tres días.
Para que os traballos se desenvolvan con normalidade, o Concello estableceu un plan de tráfico específico. O mércores cortarán un carril da rúa Xosé Malvar á altura de Loureiro Crespo, sentido Loureiro Crespo - ponte dos Tirantes, mantendo a circulación ordinaria no sentido contrario (no carril de subida). Así mesmo, desde as 22:00 horas do martes 16, non se poderá estacionar no treito de Xosé Malvar comprendido entre a rúa Prado Novo e a rúa da Seca.
Pola súa banda, o venres 19, comezará a reposición do firme nun treito da rúa das Fragas, concretamente no tramo que está fronte ao aparcadoiro de borde de Valdecorvos. Neste caso, o estacionamiento queda prohibido desde última hora da tarde do xoves 18.
O luns 22, actuarán na rúa Palamios, polo que o estacionamento nese vial estará restrinxido desde última hora do domingo 21.
A pesar de estar cortadas as rúas, o acceso e saída dos garaxes estará permitido e o inicio das obras estarán sinalizadas con varios días de antelación para coñecemento dos usuarios.
Estas actuacións están enmarcadas no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, que vén de ser prorrogado para a anualidade 2021 por un importe de 450.000 euros, co obxecto de acometer arranxos en tramos de rúas da cidade que presentan algún tipo de deterioro causado polo paso do tempo e do seu uso continuado, así como por incidencias meteorolóxicas ou doutro tipo.