![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/b38/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6028eedfcb-94898722-ab41-4dfe-b711-da6da8772cdd.jpg)
© Concello de Cerdedo-Cotobade
Cónclave dos alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Portas e Moraña para fixar estratexias conxuntas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Portas e Moraña reuníronse esta fin de semana neste último municipio para deseñar estratexias de futuro coas que buscan estimular sinerxias de traballo á hora de optar a fondos europeos e iniciativas que vertebren o interior da provincia de Pontevedra.
Jorge Cubela, Carlos Costa, Ricardo Martínez e José Cela decidiron reunirse ante a necesidade de presentar proxectos ante a Unión Europea. Queren obter fondos europeos conxuntos cos que crear sinerxias destinadas a proxectos sostibles e con rendabilidade social que permitan crear emprego e fixar poboación no mundo rural.
Segundo recollen nun comunicado conxunto, os alcaldes valoraron como moi positiva esta primeira toma de contacto e non descartan ampliala a algún concello máis, así como a equipos técnicos de traballo para ir avanzando en proxectos concretos para poñer en marcha dunha maneira coordinada con outras administracións.
Entre outros asuntos, buscaron fórmulas para dinamizar o seu espazo como xeodestino turístico pensando no momento no que as restricións sanitarias permitan maior mobilidade. Queren fomentar alternativas complementarias ás celebracións do Xacobeo e tendo como eixos fundamentais a promoción do Camiño Portugués a Compostela e a Vía Mariana, fitos cuxos trazados percorren os seus respectivos termos municipais.
Os rexedores aproveitaron para cargar tintas contra a Deputación Provincial, institución da que aseguran que ten "outras prioridades moi distintas dos pequenos e medianos concellos, sobre todo do interior da provincia".
Así, aseguran que se ven "apartados" dos centros de decisión e "un pouco orfos e desatendidos" por parte do organismo provincial, que aseguran que está "máis centrado nas grandes vilas e cidades importantes".
No transcurso do encontro, os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Portas amosaran o seu apoio e respaldo a José Cela, rexedor de Moraña, por ser o de menor experiencia no cargo, con apenas uns meses de alcalde.