Un gran mural renderá homenaxe a todas as veciñas de Poio para conmemorar un 8M sen mobilizacións
Por Redacción
A crise sanitaria da covid-19 impedirá este ano conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, coas mobilizacións e actos masivos dos últimos anos, de maneira que o Concello de Poio decidiu buscar unha forma de homenaxear a todas as mulleres do municipio ao mesmo tempo que se cumpren as recomendacións das autoridades sanitarias. Será unha homenaxe en forma de mural.
Trátase dun mural exterior a modo de homenaxe simbólica á figura das mulleres, especialmente no que se refire a eidos e profesións como as sanitarias, limpadoras, profesoras, caixeiras, dependentas, coidadoras ou axentes dos corpos de seguridade, entre moitas outras que durante os últimos meses viviron de xeito especialmente complicado a pandemia.
A concelleira de Igualdade, Silvia Diaz, explica que o obxectivo desta intervención artística é "reivindicar e dar visibilidade a todos estes labores que, en moitas ocasións, poden pasar desapercibidos, pero que esta crise provocada polo coronavirus puxo de manifesto".
A programación do 8M perfilouse o pasado mércores nunha reunión do Consello Municipal da Muller e manterá moi poucas accións de anos anteriores. Un acto que si se mantén no calendario é convocar un parón institucional e a lectura dun manifesto o propio día 8 ás 12.00 horas diante do Concello.
Tampouco se modifica con respecto a anos anteriores o obxectivo de aproveitar esta data tan sinalada para afondar na necesidade de implicar ao tecido educativo no traballo en favor da igualdade de xénero. Deste xeito, tanto nos colexios como no IES desenvolveranse diferentes actividades e obradoiros.
Para o alumnado de Educación Infantil e Primaria organizarán sesións de contacontos sobre xoguetes non sexistas e prevención de violencia machista. No caso do instituto, levaranse a cabo unidades didácticas sobre novas masculinidades e educación afectiva-sexual para estudantes de Secundaria.
Silvia Díaz destaca a importancia de garantir que todas as iniciativas cumpran coas medidas hixiénicas e de distanciamento que marcan as autoridades sanitarias. No caso da presentación do mural, ao tratarse dun espazo amplo ao aire libre, permitirá a organización dun acto no que tomarán parte representantes do Consello Municipal da Muller, do que forman parte os catro grupos políticos da Corporación, o CIM e as asociacións de mulleres de Poio.