Retornan as chuvias de xeito intermitente no litoral atlántico ata a fin de semana
Segundo os datos de MeteoGalicia, o luns a comunidade quedará na influencia das altas presións e ventos intensos do sur. Así, os ceos estarán parcialmente cubertos con nubes de tipo alto que en moitos momentos non impedirán o paso do sol. Ao final do día chegará unha fronte polo oeste que deixará os ceos cubertos con chuvias na franxa atlántica co avance da noite. As temperaturas non experimentarán cambios significativos, con lixeiros ascensos das mínimas situándose entre los 14º y los 20º. O vento soprará forte de compoñente sur.
O martes, unha fronte fría nas primeiras horas do día marcará o tempo durante esta xornada. Así, o ceo permanecerá moi nubrado ao principio con chuvia que durante a mañá tenderá a ir xeneralizándose, mentres que a partir do mediodía aparecerá só de xeito intermitente no sur. As temperaturas sufrirán un descenso, cunhas mínimas de 12º e máis acusado nas máximas, rondando estas os 15º. Os ventos soprarán do suroeste, con intervalos fortes durante a mañá, tendendo a amainar a partir do mediodía.
Para o mércores haberá unha situación intermedia entre altas e baixas presións, con ventos do suroeste que seguirán achegando humidade. Os ceos estarán parcialmente nubrados, con nubes algo máis compactas no litoral atlántico, onde se rexistrará algunha precipitación feble durante o día. As chuvias serán máis intensas e xeneralizadas pola noite e na madrugada do xoves. As temperaturas mínimas terán un lixeiro descenso, chegando aos 9º, mentres que as máximas non terán cambios significativos, manteranse sobre os 14º. Os ventos soprarán de compoñente sur, con intervalos fortes no litoral.
Na segunda metade da semana continuará unha situación intermedia entre borrascas que se moverán polo Atlántico e as altas do Mediterráneo. Nas xornadas do xoves a probabilidade de chuvia será alta, pero as posibilidades de quedar do lado anticiclónico a partir do venres son elevadas, polo que a vindeira fin de semana se agarda ter un tempo seco. As temperaturas descenderán o xoves, cunha mínima de 9º e máxima de 13º, pero volverán a subir a partir do venres, con mínimas de 10º e máximas en torno aos 18º. Os ventos seguirán a soprar de compoñente sur.