Comeza o cribado no Centro de Saúde do Toural
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/022/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6683d39821-a.jpg)
Por Anxo Lourido
Ás 15.30 horas da tarde deste luns 15 de febreiro iniciábase un cribado masivo no municipio de Vilaboa nas instalacións do centro de saúde O Toural. Ao longo das tres primeiras tardes desta semana acometeranse estas probas, demandadas desde o Concello, coa intención por parte da Consellería de Sanidade de detectar pacientes asintomáticos e evitar, desta forma, contaxios.
Convócase a 2.733 persoas, con idades situadas entre os 40 e os 79 anos, para que fagan test rápidos de antígenos con mostra nasofaríngea. Os participantes reciben unha mensaxe co día e a hora na que ten que achegarse ao centro de saúde para realizar a proba.
Efectivos do servizo de Protección Civil encárganse de regular o acceso ao centro e desde o Concello de Vilaboa se pide unha participación masiva, ademais de puntualidade e axilidade para evitar que se produzan aglomeracións nesta contorna no que traballan tres equipos de enfermería en cada quenda.
Os resultados comunicaranse a través dunha mensaxe SMS no caso de que sexan negativos e no caso de que o test ofreza un resultado positivo trasladarase a información a través dunha chamada telefónica.
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo indicaba leste mesmo luns que as novas cepas están a circular e, por este motivo, é necesario afianzar o conseguido ata o de agora e reforzar a seguridade para evitar que se produza unha cuarta onda.
O vindeiro luns 22 de febreiro volverá reunirse o comité clínico e avaliarán a situación para continuar cunha apertura de tipo gradual e coa máxima seguridade.
Cribado no Centro de Saúde O Toural
Durante tres tardes van realizarse probas á pobación con idades comprendidas entre os 40 e os 79 anos no municipio de Vilaboa
© Consellería de Sanidade
Cribado en Vilaboa
Primeiras probas realizadas no Centro de Saúde O Toural
© Consellería de Sanidade