O BNG de Cerdedo-Cotobade pide o ensanche da Ponte da Lomba
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do BNG no Concello de Cerdedo Cotobade recolleu unha serie de propostas da veciñanza de Caroi e de Corredoira nas que solicitan melloras para os seus lugares relacionadas con desvios de augas pluviais, calmado de tráfico e mellora da seguridade vial no treito da Ponte da Lomba.
Segundo informou o portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, a veciñanza destas parroquias reclama maior atención á seguridade viaria na estrada EP-0401, vial que comunica Carballedo con Caroi.
Demandan a colocación de elementos que contribúan ao calmado do tráfico e levar a cabo unha mellora que permita o paso seguro de vehículos en cada sentido, sen que un deles teña que ceder o paso ao outro, no lugar da Ponte de Ferro, da Lomba. Concretamente, a Ponte da Lomba é un ponto sensible do vial, ao ser estreita, sen beiravías e ubicada en plena curva.
O BNG de Cerdedo-Cotobade comprometeuse coa veciñanza a rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro pleno municipal na que se inste á Deputación Provincial, propietaria do vial, a ensanchar a ponte para dotar ese treito da estrada de mellor seguridade vial para os seus usuarios. Ernesto Filgueira, portavoz do BNG local, vai defender esta iniciativa diante da corporación coa esperanza de que se sumen Partido Popular e Partido Socialista para pechar, após de tanto tempo, unha espera histórica para a veciñanza da Corredoira e de Caroi.
Ernesto Filgueira insistiu en que "a pesares das circunstancias, dende o BNG temos abertas todas as canles posíbeis para que a veciñanza poida seguir achegándonos as súas demandas e necesidades".
O voceiro nacionalista di que no Bloque "fomos quén de abrir un xeito novo de facer oposición, propósitiva e activa, centrada nos problemas reais. Por iso, anuncio que voltaremos a convocar á veciñanza e ás entidades sociais de cada parroquia así as circunstancias nolo permitan, pois, son moitas as peticións que nos chegan para termos reunións presenciais".
Relacionadas:
-
O BNG de Cerdedo Cotobade esixe melloras na seguridade viaria na contorna do centro cultural Nélida Piñón
Por Redacción |
-
O novo centro de saúde de Carballedo encabeza as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta
Por Redacción |
-
O BNG propón a Cubela negociar os orzamentos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |