O PSdeG acusa á Xunta de abandonar o proxecto de reurbanización de Monte Porreiro
Por Redacción
O PSdeG urxe á Xunta a reactivación do proxecto de reurbanización de Monte Porreiro, que leva paralizado desde o 2013. Con todo, a petición dos socialistas atopouse co rexeitamento dos populares na Comisión de Obras Públicas do Parlamento de Galicia.
"A Xunta prometeu 10 millóns de euros nun suposto macroproxecto, só executaron 1,6 millóns", afeou a viceportavoz socialista, Paloma Castro, que denuncia "desleixo" por parte do executivo autonómico cara a un dos barrios máis poboados de Pontevedra.
O Goberno que encabeza Feijoo realizou unicamente a primeira fase das catro que compoñen este plan, denuncia Castro criticando o abandono que padece este núcleo por parte da Xunta desde o ano 2012. Con todo, engade que o "macroproxecto" si foi incluído no programa electoral de Feijoo para os comicios do 2016 e 2020, aínda que o desenvolvemento do mesmo non está contemplado nos orzamentos.
"É un claro engano á veciñanza do barrio e á cidadanía de Pontevedra", censura a parlamentaria, lembrando outras obras non executadas como a "dragaxe do Lérez, a ampliación de Montecelo, a variante de Alba, a depuradora de Praceres e un longo etcétera".
Pola súa banda, desde o Partido Popular, a deputada Lupe Murillo respondeu que o Concello de Pontevedra non está de acordo co plan ideado pola Xunta. Engadiu ademais que actualmente todas as rúas deste barrio son de titularidade municipal, defendeu o labor dos populares no barrio e lembrou o voto negativo do seu partido ás propostas dos populares para mellorar a imaxe de Monte Porreiro.