Imaxinación virtual para celebrar o desfile telemático do Entroido en Campo Lameiro
Por Redacción
Campo Lameiro enfróntase á pandemia con imaxinación e puxo en marcha un concurso de fotografía e un desfile para este Entroido 2021. Trátase de dúas modalidades virtuais con premios consistentes en vales trocables no comercio local e que alcanzan un total de 950 euros.
Establécense tres categorías: infantil, ata os 12 anos; adultos, a partir dos 13 anos; e familiar para parellas e grupos de persoas conviventes.
Na modalidade de fotografía débense presentar imaxes cun título da proposta de disfrace e nome co que concursará e achegarase a foto en arquivo jpg ou png, non se acepta formato pdf.
Tamén se poderá participar no concurso de fotografía antiga con desfiles de anos anteriores. Só vai poder presentarse unha foto por participante e non deberán saír terceiros. Só admítense aquelas imaxes nas que apareza o participante ou a súa contorna familiar. Debe especificarse a data e o nome co que se participa.
Enviaranse a través de correo electrónico antes do 25 de febreiro ás 14.00 horas á dirección info@campolameiro.com e constando como asunto Concurso Entroido 2021. No corpo do correo será necesario indicar o nome, apelidos, domicilio e teléfono da persoa concursante co título do disfrace ou o nome da foto. Na modalidade familiar, deberán presentarse todos os datos dos participantes.
DESFILE VIRTUAL
O desfile en liña será o sábado 27 de febreiro ás 18.00 horas a través da plataforma Zoom. Será necesario enviar correo electrónico previo para acceder á vídeo chamada do desfile. Os grupos ou parellas da categoría familiar deben de ser conviventes.
O público que queira seguir o desfile poderá velo a través do Facebook do Concello de Campo Lameiro en tempo real coa posibilidade de realizar comentarios no chat.
As persoas participantes deberán cumprir tanto na modalidade de foto como na de desfile con toda a normativa vixente de medidas sanitarias. En caso contrario, quedarán descualificados automaticamente.
Para intervir na vídeo chamada do desfile será necesario enviar un correo electrónico antes do 23 de febreiro ás 14.00 horas a info@campolameiro.com co asunto Desfile Entroido 2021. Deberán indicar o nome, apelidos, domicilio e teléfono da persoa concursante co título da actuación. No caso de que se inscriba en categoría familiar deberán figura os datos de todos os participantes. Os menores de 14 anos deberán facilitar os datos da nai, pai ou titor legal.