A Biblioteca de Poio reinicia a súa actividade con cita previa e cun aforo máximo do 30%
Por Redacción
Logo de permanecer pechada durante as últimas semanas, como consecuencia das restricións adoptadas pola Xunta de Galicia para frear o impacto da terceira vaga da Covid-19, a Biblioteca Municipal de Poio retoma desde este mércores 17 de febreiro a súa actividade.
Así o confirma o departamento de Cultura e Educación, dirixido por Raquel Rodríguez, que explica que o horario de atención ao público será de 16.30 a 19.00 horas.
Deste xeito, reactívanse servizos como o préstamo e devolución de libros, consultas en sala, prensa ou acceso a Internet. Iso si, o Concello lembra que na actualidade as restricións vixentes establecen que só se poderá contar cun 30% do aforo máximo.
Recoméndase aos usuarios que soliciten cita previa antes de desprazarse ata as instalacións, situadas en Campelo. Dita solicitude poden tramitala chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1331) ou enviando un correo electrónico á dirección poio.rbgalicia@eidolocal.es
Por outra banda, a Concellería de Cultura e Educación lembra que aqueles préstamos que vencían o pasado 25 de xaneiro, xusto antes de que as restricións forzasen o peche das instalacións, foron prorrogados de xeito automático ata o xoves 18 de febreiro.
Ademais, aquelas usuarios que non sexan veciños de Poio tamén se poden poñer en contacto coa biblioteca, a través das canles anteriormente citadas, para solicitar un aumento desta prórroga, en caso de que sexa necesario.