Cume en Vilagarcía para estender a Vía Verde do Salnés ata Pontevedra
Por Redacción
Os concellos de Vilagarcía, Caldas, Portas, Barro e Pontevedra traballan nun proxecto para crear un gran trazado peonil e ciclista que dea continuidade á Vía Verde do Salnés e chegue ata a capital da provincia, e esténdase tamén cara ao sur por Vilaboa e Soutomaior.
Será unha senda de máis de 24 quilómetros de lonxitude que discorrerá pola rede ferroviaria en desuso, sendas forestais e da parcelaria e mesmo por tramos do Camiño de Santiago.
Responsables dos gobernos dos cinco municipios relacionados co proxecto mantiveron este luns unha reunión no Concello de Vilagarcía para estudar unha proposta inicial que recibiu o apoio unánime de todos os asistentes.
A proposta parte dos 9 quilómetros xa operativos da Vía Verde do Salnés. Partindo da contorna do Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía, discorren por Caldas cruzando o río Umia e rematan no vello apeadeiro de Portas. Os 15 quilómetros restantes, en chan de Portas, Barro e Pontevedra; están aínda pendentes de adecuación.
Para concretar o trazado, os concelleiros pontevedreses Tino Fernández e Iván Puentes achegaron o estudo realizado pola Asociación Pedaladas, que xa ten deseñado a ligazón desde a capital coa senda cara á urbe arousá.
Este novo tramo aproveitaría parte do trazado das vellas vías do tren, como a ponte sobre o Lérez e un antigo túnel. O resto salvaríase facendo uso de senllas forestais e da parcelaria e mesmo algún tramo do Camiño de Santiago.
Ao tratarse de sendas xa abertas, o custo da actuación veríase reducido de forma notable centrando os traballos principalmente en labores de sinalización e mobiliario.
Do encontro deste luns extráese o compromiso para realizar unha memoria económica do proxecto e fixar unha nova reunión para seguir avanzando na idea e captar a colaboración doutras administracións.
Participaron nesta reunión o concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey; o tenente de alcalde de Portas, Alfonso Reboredo; o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernándes Abraldes, o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández; e o concelleiro de Medio Ambiente de Pontevedra, Iván Puentes.
"As vías verdes son infraestruturas que reciben milleiros e milleiros de visitantes tódolos anos noutras zonas do estado e de Europa, con xente que se despraza para percorrelas, e se somos capaces de ofrecer a corto prazo unha vía deste tipo, coa paisaxe que temos nas Rías Baixas, seremos capaces de atraer tamén a milleiros de visitantes que se sumarán aos que se trae o Camiño de Santiago e que porán o seu grao de area na recuperación económica e a xeración de emprego que teremos que afrontar nestes momentos", declarou Tino Fernández.