Na procura de asintomáticos con covid-19 entre 1.835 veciños de Meaño
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde comezou este luns unha procura de pacientes asintómaticos con covid-19 no Concello de Meaño a través dun cribado masivo da poboación de entre 30 e 60 anos, a de maior incidencia da pandemia no municipio.
Un total de 1.835 persoas están citadas para este cribado, que se realiza no centro de saúde de Meaño entre este luns e este martes.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu ao comezo deste cribado de detección da covid-19, que se realiza con tests rápidos de antíxenos con mostra nasofarínxea, e quixo facer un chamamento á participación masiva da cidadanía, xa que é "fundamental" para detectar casos asintomáticos e frear o ritmo de contaxios e a transmisión do virus.
Segundo explicou, a Consellería de Sanidade detectou en Meaño unha vintena de casos nas dúas últimas semanas e o municipio ten unha incidencia acumulada a 14 días de 375 casos por cada 100.000 habitantes, polo que, "malia a situación de descenso que estamos a vivir", facíase preciso facer un cribado para "seguir controlando ao máximo a situación.
Luis López estivo acompañado pola directora de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Belén Piñón, e do alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e lembrou que estes cribados masivos continúan este martes no Concello de Marín, onde están convocados preto de 13.000 cidadáns de entre 30 e 65 anos ao longo de toda a semana.