Bueu mellora pasos de peóns, vaos e sinais
Por Redacción
O Concello de Bueu ten en marcha un proxecto para a mellora da sinalización horizontal e vertical do municipio que inclúe o pintado de vaos e pasos de peóns e a colocación de sinais e espellos.
A Administración está a actuar en diversas zonas do municipio. Así, por exemplo, instaláronse espellos en cruces complexos de lugares como A Cabreira (Cela), Vilar (Beluso), As Meáns ou A Portela (Bueu).
Ademais, pintouse unha zona de vao e colocouse unha sinal na zona próxima ao supermercado Eroski e pintáronse pasos de peóns e unha praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida nas rúas Alexandre Bóveda e Francisco Escáneo, na Banda do Río.
Estes traballos levan xa en marcha varias semanas do mes de febreiro e corren a cargo da empresa Señalizaciones y Viales Hermanos Vázquez SL.
O proxecto enmárcase dentro das actuacións de mantemento que o Concello leva a cabo nos espazos municipais co obxectivo de que a cidadanía dispoña das mellores infraestruturas e dun acceso o máis seguro posible.
Neste senso, o alcalde, Félix Juncal, destaca que o Concello continúa promovendo actuacións que garantan a mellora da seguridade e da accesibilidade da cidadanía, tanto ás propias vivendas como aos espazos públicos. Con esta finalidade, entre o verán e o outono do pasado ano investíronse preto de 14.000 euros para a sinalización horizontal e vertical.