Os bombeiros sufocan un incendio na rúa Sarmiento, na zona vella de Pontevedra
Por Redacción
Un incendio nunha cociña dun piso da rúa Sarmiento, na zona vella de Pontevedra, obrigou a intervir aos bombeiros. O suceso alertou aos veciños e comerciantes da zona que acudiron ao lugar para comprobar o alcance do suceso.
A alerta xurdiu ao redor das 13.30 horas cando un forte cheiro a queimado e o fume que saía dunha xanela alertou aos veciños. Os servizos de emerxencia accederon ao interior da vivenda e comprobaron que procedía da cociña, dunha cazola que estaba ao lume queimándose. Sufocaron a incidencia e abriron as xanelas para airear o lugar sen que se rexistraron graves danos materiais.
Na rúa, propietarios dos restaurantes desta zona reuníronse para observar que estaba a ocorrer e comprobar que ningún dos seus locais sufriran danos. "Foi unha tarteira con leite que quedou ao lume e estábase queimando, foi só un susto por sorte", explicou un hostaleiro da contorna.