O prazo para a actualización do rexistro de asociacións de Poio finaliza o 17 de marzo
Por Redacción
A concelleira de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz, lembra que a día de hoxe mantense aberto o prazo para realizar o procedemento de actualización do Rexistro de asociacións do Concello de Poio.
Nun principio, estaba previsto que o período expirase o pasado 31 de xaneiro, pero, finalmente, decidiuse outorgar un prazo extraordinario ata o 17 de marzo, debido ás limitacións de mobilidade provocadas pola terceira onda da pandemia da covid-19.
Deste xeito, tal e como sinala a edil de Avante Poio, as agrupacións poderán facer entrega, a través da sede electrónica, da documentación pertinente.
Por outra banda, Díaz tamén se referiu ao reinicio da actividade en locais municipais. Neste sentido, aclara que só o poderán facer aquelas iniciativas que cumpran coas condicións que aparece na orde publicada o pasado 25 de febreiro, a través do Diario Oficial de Galicia.
Ademais, os colectivos deberán seguir en todo momento o marcado no protocolo elaborado polo Concello de Poio.
Un dos aspectos nos que fai especial fincapé Silvia Díaz é na necesidade de que todas asociacións "designen a unha ‘persoa COVID’, para facilitar o control de asistentes ás actividades e axilizar cuestións como a entrega de documentación en caso de que lle fose solicitada polas autoridades competentes".
A titular de Participación Veciñal e Espazos Cidadáns deixa claro que a colaboración dos colectivos "é moi importante á hora de evitar posibles aglomeracións", así como á hora de velar polo cumprimento das normas máis básicas, como o mantemento de distancia, o uso de máscara obrigatoria ou a necesidade de someterse a illamento en caso de presentar síntomas ou ter sospeitas por un posible contacto directo cunha persoa contaxiada.
O departamento municipal traballa en coordinación coa Policía Local para velar polo cumprimento das medidas.
Por último, Díaz lembra que a concellería se ofrece a resolver "todas as dúbidas que poida ter a veciñanza en cuestións como o protocolo de actividades en espazos municipais ou a actualización do rexistro". As persoas que precisen de asesoramento poden enviar un correo electrónico á dirección participa@concellopoio.gal ou chamar ao 986770001 (extensión 1270).