Caldas ampliará o número de contedores amarelos e azuis para mellorar as súas cifras de reciclaxe
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis asinou un convenio de colaboración con Ecoembes polo que recibirá novos contedores amarelos e azuis para incrementar a recollida selectiva de envases lixeiros de plástico, así como de papel e cartón no municipio.
Esta entrega derívase do convenio marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes sobre o sistema integrado de xestión da recollida selectiva de residuos e a mellora dos contedores. O financiamento procede da Xunta a través do fondo de valorización deste acordo.
Caldas é un dos 32 concellos de Galicia que se beneficiarán desta entrega. "O obxectivo é facilitar aos cidadáns a reciclaxe e así reforzar o compromiso co coidado do medio ambiente a través dun xesto tan sinxelo como depositar no contedor correspondente este tipo de residuos urbanos", explican desde a Consellería.
Segundo datos de Ecoembes, Caldas recolleu no 2019 uns 16,7 quilos de residuos plásticos por habitante. Este rexistro sitúase na media galega de 12,9 quilos. No caso da recollida de cartón, a media sitúase en Caldas nos 8,75 quilos por habitante, por baixo dos 13,9 quilos de media en Galicia.