Alianza entre Cuntis e A Estrada para obter fondos europeos

Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a concelleira Ana Loureiro desprazáronse ata o veciño concello da Estrada para manter unha reunión co alcalde José López. O encontro serviu para achegar posturas entre ambos os gobernos para a participación conxunta en proxectos europeos.
Esta colaboración ten como obxectivo conseguir solucións comúns en ámbitos como o agrario e gandeiro, forestal e medio ambiente para optimizar investimentos e o acceso a financiamento europeo.
A boa disposición que existe entre as dúas corporacións fixo que a reunión resultase moi construtiva.
O rexedor cuntiense recoñeceu o importante que é buscar accións comúns con outras entidades locais para poder acometer grandes proxectos que pola súa magnitude serían dificilmente abordables.
O seu homólogo da Estrada, pola súa banda, apuntou que é preciso buscar sinerxias que melloren o benestar da cidadanía.