O colexio de Cerdedo estrea un novo patio interior para actividades a cuberto
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisaron a reforma integral do patio interior do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo acompañados pola dirección do centro e por membros do goberno local.
A Xunta de Galicia foi a encargada de financiar esta reforma que consistiu na realización de diversas obras para acondicionar axeitadamente este lugar e gañar espazo de lecer e para actividades educativas a cuberto, especialmente nas xornadas con choiva ou climatoloxía adversa.
Na actuación investíronse un total de 13.000 euros e segundo o delegado territorial recuperouse un espazo interno que presentaba algunhas deficiencias.
Ademais, renovouse por completo co acondicionamento do chan, o reforzo e corrección dalgunhas filtracións na cuberta, o pintado xeral de todo o patio, o acolchamento de paredes e columnas para minimizar o risco de accidente e a dotación de diversos elementos de xogo, entre outras melloras.