As 'mulleres que opinan' reivindican desde Pontevedra a súa visión "crítica" na busca dun espazo "igualitario"
Por Alejandro Espiño
Nun escenario iluminado en cor violeta e decorado con ferramentas 'vintage' do mundo do xornalismo escrito, radiofónico e fotográfico, arrancou en Pontevedra a cuarta edición do foro As mulleres que opinan son perigosas.
A pesar das restricións da pandemia, que obrigou a celebralo a través da internet, esta iniciativa chegou coa oferta máis potente de todas as edicións. Doce relatorios e máis de sete horas de debate para analizar, cunha perspectiva feminista, novas formas de facer xornalismo.
Durante esta primeira xornada, as máis de duascentas persoas inscritas máis as que seguiron os faladoiros a través de YouTube, atenderon á intervención da xornalista Mar Cabra, premio Pulitzer 2017 pola súa investigación sobre os papeis de Panamá.
Falou non deste traballo senón da súa nova faceta como experta en "tecnoestrés" á que chegou despois de que "me pasé de la raya y perdí el interés en mi trabajo". A pesar dos premios, deixou o xornalismo activo e orientou o seu camiño como 'coach' de benestar.
Así, entre outras claves, deu consellos para decatarse de que "tú eres tan importante como tu trabajo" e que mirar pola saúde mental e o benestar propio "no puede ser lo último en la lista de tareas" porque "si no estáis bien no podréis hacer buen periodismo o ser buenas madres".
María José Espinosa de los Monteros, directora de Podium Podcast, fixo un repaso por figuras femininas que foron importantes na historia da radio como Teresa de Escoriaza, a ficticia Elena Francis -con guion de Ángela Castells- ou a máis recente Ángeles Afuera.
Ademais, destacou que estamos na "epoca dorada" dos podcast, un formato que ofrece "nuevas narrativas digitales" e cuxa natureza permítelle "estar en todos los sectores relevantes de la sociedad" e con boa saúde porque "lo único que pervive en el tiempo es la emoción de escuchar una buena historia".
A continuación Belén López, xornalista de Diario de Pontevedra especializada en cultura, e Montse Fajardo, responsable do programa A memoria das mulleres; debateron sobre a presenza nos medios de información local de informacións sobre cultura e memoria.
Ambas coincidiron en que a cultura "non ten a mesma consideración" que outros ámbitos como a política ou a economía "e iso tradúcese no espazo que se lle dá". Todo iso a partir da "idea equivocada", segundo Belén López, de que a cultura "non venden periódicos".
Durante a pandemia, explicou López, a cultura "gañou consideración entre a xente" pero nos medios "pasou todo o contrario" e a situación mesmo se agravou coa desaparición de seccións dedicadas á cultura que acabaron integrándose con áreas de sociedade.
Fajardo, pola súa banda, recoñeceu que o Pazo de Meirás fixo que "a batalla da opinión pública está gañada" en relación coa memoria histórica, pero aínda non é un "contido transversal". A iso non axuda que "de maneira inxusta" estes temas acaben politizándose.
Ademais, reivindicou que "non nos quedemos no drama e contemos quen era o asasinado e por que o mataron" e recoñece que neste tipo de informacións " eu son moi rigorosa cos feitos e coa verdade pero non son obxectiva porque sempre estarei do lado das vítimas".
A fotoxornalista Susana Vera, a primeira española en gañar un premio Pulitzer, abordou a interesante cuestión da linguaxe propia da imaxe a partir do seu traballo na axencia Reuters. Nela aposta por traballar en historias de "cocción lenta" e que ofrezan "narrativas visuales".
"Busco momentos que te sacan de la cobertura literal y que hacen que veas la foto dos segundos más", explicou na súa intervención, na que tamén abordou o "momento de inflexión" que se está a vivir dentro do ámbito do fotoxornalismo con máis "diversificación".
Cada vez, recoñece, hai máis oportunidades para mulleres e para profesionais de diferentes etnias. "Aún queda mucho camino por recorrer", apuntou Vera, para a quen este cambio era necesario porque "no se puede ofrecer una cobertura equilibrada si las personas que las hacemos no somos lo suficientemente diversas y no representamos a la sociedad".
Antes de rematar tamén quixo deixar o seu consello para as mulleres que queiran dedicarse ao xornalismo gráfico. "A veces pensamos que no lo merecemos o que no estamos preparadas. Hay que dar pasos adelante, salir de la zona de confort y valorarte más", dixo.
E a través dunha entrevista coa xornalista Susana Pedreira, Esther Palomera de eldiario.es afondou na experiencia dunha muller "incómoda y tremendamente crítica", como ela mesma se definiu, especializada no ámbito da opinión política.
"A los que aspiran a gobernar les cuesta mucho el respeto a la libertad de expresión", asegurou a xornalista sobre as presións que recibe o sector dos poderes públicos -especialmente do económico- e que non quixo negar porque "sería mentir y falsear nuestra realidad".
Pero gran parte da súa intervención virou sobre a nova "esfera de violencia" que sofren as mulleres xornalistas a través das redes sociais e que, segundo afirmou, "es mucho peor que la presión política", xa que inclúe "violencia, insinuaciones y descalificaciones constantes".
"Por ser mujeres somo el blanco perfecto de una crítica que es implacable y que la recibimos por razones de género exclusivamente", afirmou Palomera, que lamentou que "cuando opinan los hombres lo hacen porque son hombres o trepas pero nosotros directamente somos putas". Esa é, engadiu, "otra forma de desigualdad".
PROGRAMA DO SÁBADO
A segunda e última xornada deste foro comezará ás 11:30 horas con Pilar Álvarez, xornalista e correspondente de xénero en El País, que falará sobre a información con perspectiva de xénero. A continuación Pampa García, xornalista especializada en ciencia e redactora xefa da axencia SINC, ofrecerá unha conferencia sobre a información científica.
A mañá rematará coas directoras de Nós Diario, Vinte e As Nosas, María Obelleiro, María Yáñez e Silvia Carregal, que se centrarán nas mulleres que dirixen os novos medios galegos.
Pola tarde, a partir das 17.00, será a quenda de Ebbaba Hameida, xornalista e vogal de Reporteiros Sen Fronteiras España, que afondará na situación das mulleres en países musulmáns; e Lara Graña e Mercedes Mora, xefas da sección de Economía en Faro de Vigo e La Voz de Galicia, debaterán sobre a información económica.
A cómica Henar Álvarez centrará a súa intervención na fusión entre opinión e humor e o peche correrá a cargo de Almudena Ariza, correspondente de TVE en París e antes en Pequín e Nova York, que explicará a súa experiencia á fronte dunha delegación internacional.
Relacionadas:
-
Mercedes Milá e Mamen Mendizábal pecharán as xornadas das "mulleres que opinan"
Por María José Pita |
-
Catro anos e unha pandemia despois nace o libro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Colectivos feministas de Pontevedra reclaman que o Pazo de Meirás se dedique á memoria
Por Redacción |
-
"Cada vez que volvía de cubrir una guerra me preguntaban qué hacía con mis hijos. A mis compañeros, jamás"
Por Alejandro Espiño |
-
"Imos seguir sinalando o que ten que cambiar. Non é unha ameaza, é un berro de esperanza"
Por Alejandro Espiño |
-
"Feminismo para cambiar o mundo", o lema que acolle todos os actos previstos para o vindeiro 8 de marzo
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
A Deputación anuncia unha "extensa xeira de accións" que farán de marzo o mes da igualdade
Por María José Pita |