Medio millón de euros e catro meses de obras para reformar o parque de Bombeiros
Por Redacción
Algo máis de medio millón de euros prevé investir o Concello de Pontevedra na reforma das instalacións do parque de bombeiros. A actuación, que ten un prazo de execución de catro meses, busca ampliar os espazos de convivencia para cumprir os parámetros de seguridade.
Foron seis as empresas que presentaron a súa oferta para encargarse da execución dos traballos. Son ACEVI, Prace, Gómez Crespo, Construcciones Castro Figueiro, Probisa Vías y Obras e Asistencia y soluciones de arquitectura e ingeniería.
As súas ofertas oscilan entre os 508.096 euros da máis elevada e os 423.729 da máis reducida.
A mesa de contratación do Concello reuniuse esta semana para abrir os sobres administrativos e tamén a oferta económica presentadas polas empresas. Volverá a xuntarse nos vindeiros días, unha vez que estea valorado o proxecto técnico por parte das oficinas municipais.
O proxecto de remodelación do parque busca ampliar os espazos de descanso do persoal dividíndoo en habitacións, cociña, baños e vestiarios, con todas as instalacións de electricidade, calefacción e saneamento.
Así, todas as dependencias de uso común, entre elas a cociña, a zona de descanso ou as estancias onde os bombeiros esperan para realizar intervencións, serán ampliadas e situaranse na zona dereita do parque, onde está o taller dos coches e o hangar anexo.
Tamén se reformará a parte administrativa dándolle unha nova distribución. A área de oficinas concentrarase no lado esquerdo do parque, onde tamén haberá máis espazo para estes despachos, segundo consta no proxecto desta actuación.
Relacionadas:
-
O PP pide a dimisión do concelleiro Demetrio Gómez polo atraso de obras e proxectos municipais
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
Os bombeiros alertan da situación "crítica" do parque de Pontevedra por falta de persoal
Por Redacción |
-
Sete concesionarios ofertan coches para substituír o vehículo oficial do alcalde
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra rexistrou en 2020 unha media de seis incendios urbanos cada mes
Por Alejandro Espiño |
-
Reordenan o parque de bombeiros para ampliar as zonas comúns ante a covid-19
Por Alejandro Espiño |