Cerdedo-Cotobade pide máis asignación á Xunta para atender os usuarios do SAF
Por Redacción
As 24.000 horas de atención que ten asignadas Cerdedo-Cotobade para os usuarios do servizo de axuda no fogar xa quedaron curtas. Así o recoñece o goberno municipal, que solicitará á Xunta de Galicia unha nova asignación que permita cubrir toda a demanda.
Na petición que o Concello vén de facer a Política Social explican que a intención é adiantarse á posible demanda que se poida producir. Con máis de 50 persoas atendidas, os servizos sociais detectan a necesidade de incrementar o número de horas para evitar que haxa lista de agarda.
Actualmente o servizo de axuda no fogar supón 394.000 euros do orzamento municipal.
"Esperemos que a nosa petición sexa concedida porque sabemos que hai algúns que non esgotan esas horas e nós podemos utilizalas para darlle a atención que precisan os nosos maiores e dependentes", explicou o alcalde, Jorge Cubela.
O alcalde asegura que a atención a estes maiores "é unha prioridade" para o seu goberno, de xeito que a persoas con dependencias severas reciban a mellor atención domiciliaria posible.