Os ventos do nordés traerán ás Rías Baixas temperaturas frías ao longo da semana
Segundo os datos de MeteoGalicia, para o luns 8 de marzo non se agardan cambios significativos. A comunidade continuará baixo a influencia de altas presións, con ventos do nordés que seguen a enviar aire frío. Deste xeito, os ceos estarán pouco nubrados ou despexados nas Rías Baixas.
As temperaturas mínimas descenderon lixeiramente ata os 6 graos, mentres que as máximas tamén descenderán, atopándose estas arredor dos 16 graos, e con sensación de frío debido ao vento do nordés.
O martes 9 Galicia manterase baixo a influencia das altas presións, que seguen a afastar as frontes que se desprazan polo Atlántico. Polo tanto se agarda unha xornada de ceos pouco nubrados ou despexados, con entrada de nubes medias e altas co avance do día.
As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, ata os 4 graos, o que ocasionará a formación de xeadas, e as máximas quedarán sen cambios significativos, rondando os 14 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte.
O mércores Galicia irá perdendo a influencia do anticiclón, xa con réxime de ventos do suroeste. Por consecuencia se espera unha xornada de ceos parcialmente cubertos, con nubes de tipo medio e alto. As temperaturas ascenderán, especialmente as mínimas, ata os 7 graos; as máximas poderían chegar aos 17 graos. O vento soprará do suroeste.
A partir do xoves Galicia quedará nunha situación intermedia entre altas e baixas presións coa entrada dalgunha fronte asociada a estas borrascas. Así, a probabilidade de precipitación aumentará na segunda metade da semana.
As temperaturas serán moi cambiantes, con entradas de aire frío asociadas ás frontes intercaladas, e se atoparán en torno aos 7 e os 17 graos.