'En Ponte Caldelas somos iguais', publicación dos Bolechas para traballar a Igualdade dende a Infancia
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de editar unha publicación dun libro cos 'Bolechas' de protagonistas para inculcar os valores de igualdade, respeto, non violencia... á cativada do municipio.
Os libros serán entregados a todo o alumnado de Educación Infantil e primeiro e segundo de Primaria dos centros educativos do municipio, o CEIP Plurilingüe A Reigosa e o CEIP Manuel Cordo Boullosa.
Tamén se lle entregará aos nenos matriculados nas escolas infantís 'A Galiña Azul' e 'Papaventos' e quedarán exemplares na Ludoteca Municipal e na Biblioteca do Centro Cultural.
Ademais, o Concello de Ponte Caldelas reservará exemplares para entregar ós recén nados do municipio xunto ó libro de benvida que se lle entrega de agasallo a todas os nenos que nacen no municipio.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recalcou que non hai roles nin para o xogo, nin para os traballos, nin para o coidado de persoas menores, maiores ou dependentes, senón que "mulleres e homes teñen os mesmos dereitos, as mesmas oportunidades e as mesmas responsabilidades".