Os socialistas reclaman unha actuación integral para mellorar a atención sanitaria en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Que se garanta un servizo sanitario "digno" no Concello de Cerdedo-Cotobade é a petición que o PSdeG-PSOE trasladará ao Parlamento galego a través de varias iniciativas parlamentarias nas que os socialistas reclaman unha actuación integral para mellorar a atención aos cidadáns.
En concreto, a deputada Paloma Castro urxe á Xunta de Galicia a tomar medidas para cubrir as baixas de médicos e enfermeiros, recuperar servizos perdidos como pediatra ou matrona e acondicionar os centros de saúde.
Os socialistas reclaman unha sala de agarda digna no centro de saúde de Carballedo, que actualmente non conta con este espazo, obrigando aos pacientes a agardar na entrada do local, sentados nun banco para dúas persoas ou nos vehículos propios.
Castro tamén pide o restablecemento do pediatra neste centro, xa que a supresión desta figura ten obrigado aos menores a desprazarse ata Forcarei ou ao centro de saúde de Tenorio, que tan só conta cun único médico que "se ve superado" pola elevada afluencia de pacientes.
O terceiro centro do concello, o PAC de Cerdedo, só ten un facultativo, segundo denuncia o PSdeG-PSOE, que ademais ten dereito a horas sindicais, polo que os veciños teñen que ser atendidos por outro facultativo.
Ademais, os socialistas lembran que é necesaria "desde hai tempo" unha ambulancia para este PAC, xa que neste concello só hai tres médicos e unha enfermeira para a atención 24 horas.
Relacionadas:
-
Denuncian que a "precariedade" do servizo de Pediatría en Cerdedo, Forcarei e Tenorio "agravouse" nas últimas semanas
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman melloras no centro de saúde de Carballedo e a reforma de dúas estradas
Por Redacción |
-
O novo centro de saúde de Carballedo encabeza as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta
Por Redacción |