Unha ducia de denuncias en Poio durante a campaña de control de uso do cinto
Por Redacción
A Policía Local de Poio participou a semana pasada, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, nunha campaña de control do uso dos cintos de seguridade e sistemas de retención en vehículos.
Os controis efectuados polo corpo de seguridade municipal nas estradas da vila serviron para realizar preto dunha ducia de denuncias por incumprimentos neste eido. De todas eles, sete corresponderon a ocupantes, dous a condutores e tres por sistema de retención.
A un dos condutores se lle ofreceu un dos sistemas de retención infantil que a Policía Local obtén a través da campaña de doazóns deste tipo de dispositivos de seguridade, que se fai en favor de familias desfavorecidas.
Ademais, os axentes tamén interceptaron a tres persoas que conducían baixo efectos de consumo de estupefacientes, tal e como se constatou nos pertinentes tests que se lles practicaron, e tramitaron unha denuncia a maiores contra un condutor co carné sen vixencia. Contra este infractor se abriron as pertinentes dilixencias para que sexa sometido a un xuízo rápida esta mesma semana. A maiores, detectáronse tres vehículos sen ITV.
RESTRICIÓNS COVID-19
Por outra banda, a Concellería de Seguridade Cidadá informa de que ao longo da semana pasada se pasou revista a un total de 25 establecementos para velar polo cumprimento das restricións que se inclúen no nivel medio do plan de desescalada da Xunta de Galicia, sendo a única denuncia tramitada a que formulou contra unha traballadora dun local que se atopaba servindo mesas sen utilizar debidamente a máscara.
A Policía Local tamén tramitou outras seis denuncias por superar o número máximo de persoas non convivintes, establecido en catro. Esta infracción detectouse na vía pública na parroquia de San Salvador.