Renovan as fiestras do conservatorio de música Manuel Quiroga
Por Redacción
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a renovar toda a carpintaría exterior, coa instalación de novas fiestras, no conservatorio de música profesional Manuel Quiroga de Pontevedra cun investimento de 70.318 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, achegouse ata o centro para supervisar os traballos de subministración e colocación das novas ventás.
Actualmente, estase a executar a segunda e derradeira fase, que está previsto que se remate ao longo da presente semana.
"Estamos a reemprazar todas as fiestras do conservatorio, atendendo unha demanda dos usuarios e unha necesidade real detectada polos servizos técnicos da Xunta, co dobre obxectivo de dotar a este inmoble dunha maior funcionalidade e confortabilidade, xa que as anteriores ventás eran incómodas e pouco eficientes, e de favorecer a ventilación do seu interior como medida de seguridade sanitaria fronte á covid-19", explicou o representante autonómico.
A actuación, que se desenvolve en dúas fases, consiste na renovación de toda a carpintaría exterior de aluminio coa instalación de fiestras de follas practicables na parte fixa da infraestrutura. Teñen sistema de rotura de ponte térmica, dobre vidro e son oscilobatentes, o que favorece o seu emprego dun xeito máis acaído ás necesidades do conservatorio, e veñen lacadas en cor verde, azul e amarelo para manter a estética do inmoble.
En total, vanse mudar 107 fiestras, das que 44 -as de tamaño máis pequeno- quedaron colocadas no desenvolvemento da primeira fase e as 63 restantes -54 con dimensións estándar e outras 9 de gran superficie- estanse a instalar ao longo destes días.
Relacionadas:
-
As aulas do Conservatorio Manuel Quiroga seguen sen ventilación
Por Redacción |
-
O Parlamento demanda á Xunta melloras no conservatorio de música de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os problemas de ventilación no Conservatorio de Música Manuel Quiroga chegan ao Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
A CIG alerta de problemas de ventilación nas aulas do conservatorio de Manuel Quiroga
Por Redacción |