Montecelo estrea unha unidade de rehabilitación cardíaca
Por Alejandro Espiño
A colaboración entre varios servizos sanitarios, Cardioloxía, Medicina Física e Rehabilitación, permitiu crear no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra unha nova unidade de rehabilitación cardíaca, que prevé atender uns 200 pacientes cada ano.
A unidade, situada no cuarto andar do hospital Montecelo, contará cun cadro profesional formado por un médico de Cardioloxía, un facultativo de Rehabilitación, dous técnicos de Fisioterapia e un efectivo de Enfermaría.
Os pacientes que sexan atendidos nela, unha media de dezaseis cada semana, previamente terá que superar unhas probas de ergometría e esforzo, sempre baixo a supervisión de persoal especializado da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A doutora Teresa Jorge Mora, xefa de servizo de Medicina Física e Rehabilitación, explica que esta unidade busca que os doentes superen as secuelas físicas e psicolóxicas que lle provoca a súa situación, con pautas de actuación e hábitos saudables que reduzan os factores de risco.
Cuestións como a reincorporación laboral, o exercicio físico, a alimentación ou as relacións son problemas comúns aos que as persoas enfróntanse tras padecer un evento de saúde crítico e superalo, segundo a responsable sanitaria, será o obxectivo deste programa rehabilitador.
A xefa de servizo de Cardioloxía, a doutora Eva González Babarro, sinalou que a área sanitaria atende cada ano máis de 350 casos anuais de cardiopatías isquémicas, polo que a aportación da unidade de rehabilitación cardíaca "sen dúbida vai incrementar a calidade de vida dos nosos enfermos e colaborará a mellorar os prognósticos".
Segundo os últimos estudos sobre a rehabilitación cardíaca, os casos de mortalidade por enfermidades do corazón diminúen entre un 20 e un 30 por cento levando a cabo estas técnicas específicas de rehabilitación, porcentaxe que se incrementa ata un 43% se o programa se cumpre na súa totalidade, non só no aspecto do exercicio físico.
Esta nova unidade de rehabilitación cardíaca contemplará tamén a medio prazo a atención para a recuperación doutros pacientes con insuficiencias cardíacas, cardiopatías conxénitas e doentes con dispositivos cardiolóxicos.