Regresan esta fin de semana os obradoiros do Ganapán no mercado de abastos
Por Redacción
O programa de lecer infantil O Ganapán volverá esta fin de semana ao mercado de abastos de Pontevedra cunha variada oferta de obradoiros nos seus espazos Gastro e Crea.
As actividades, destinadas a nenos e nenas de 4 a 10 anos, desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.
Este venres 19 darán comezo cun taller de elaboración de ‘cookies’ de chocolate e outro de deseño tarxetas de felicitación ‘pop-up’ feitas a man para que os máis pequenos fagan un agasallo no Día do Pai ou aos seres queridos.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, indica que todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse a través do correo electrónico oganapan@gmail.com e terán de prazo máximo para facelo ata as 20:00 horas do día anterior ao que se desenvolva cada actividade.
"Os obradoiros serán de grupos reducidos, teremos lista de agarda e, no caso de que alguén se dea de baixa, chamaremos ao seguinte rapaz", apuntaba a edil do PSOE.
Para que a inscrición sexa válida é obrigatorio mandar nun correo electrónico a seguinte información: nome e apelido do neno ou nena, idade, teléfono, día e hora nos que queren apuntarse e indicar se é para o Espazo Crea ou o Espazo Gastro.
Segundo avanzou Yoya Blanco, "para a xornada do sábado 20 están previstos un obradoiro de elaboración de 'donuts' de mazá e chocolate, unha merenda nutritiva e saudable que só require de tres ingredientes e un par de pasos para ter un bocado delicioso e crocante, e un taller de xoiería ‘al dente’, no que se fomentará o lado máis artístico dos pequenos coa confección de pulseiras e colgantes feitos de pasta".
A concelleira de Promoción Económica explicaba que o domingo 21 se desenvolverá no Espazo Gastro "unha actividade de cociñado dun clásico das receitas da avoa, as maruxas de nata, unhas galletas doces de sabor intenso que sempre nos devolven á nenez; e no Espazo Crea un taller de manualidades no que se elaborará unha colección de mini monstros con pompóns de cores para decorar lapis".
Ao igual que os anteriores, estes obradoiros realizaranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.
Relacionadas:
-
As inscricións no Ganapán darán prioridade aos nenos que non participasen antes
Por Redacción |
-
Suspendidas pola pandemia as actividades do programa de lecer infantil O Ganapán no Mercado de Abastos
Por Redacción |
-
O Ganapán volve esta fin de semana ao Mercado de Abastos para aprender a facer cocadas e paninis de queixo e mazá
Por Redacción |
-
Os máis pequenos reflexionan sobre como cambiar o mundo, no obradoiro do Ganapán no Mercado de Abastos
Por Redacción |
-
Os nenos do Ganapán fan arte coas mascarillas
Por Redacción |
-
Volve O Ganapán ao mercado
Por Redacción |