Concentración contra o Plan Forestal de Galicia
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A Plataforma por un Monte Galego con Futuro celebrou este domingo accións de protesta en demanda da paralización do Plan Forestal de Galicia e da adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, "para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro".
Segundo explicaron os convocantes desta mobilización, a moratoria do eucalipto anunciábase escasas horas despois de se aprobar o novo Plan Forestal Galego que a Plataforma que ten denunciado de forma reiterada ao entender "que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado".
Segundo sinalan, este plan "pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen contemplar a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos".
Ademáis engaden que "fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras e propón aumentar, aínda máis, a superficie ocupada por eucalipto, en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos".
Para a plataforma este plan non fai máis que agravar a situación actual, "que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos".
Por iso demanda, con esta acción de protesta, a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal "para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural".