Sufocan un lume forestal orixinado nunha canteira abandonada de Portas
Por Redacción
Un incendio forestal orixinado na noite do domingo nunha canteira abandonada na parroquia de Lantaño, en Portas, obrigou a intervir de forma urxente aos servizos de emerxencias de Cuntis, Medio Rural e aos efectivos de Protección Civil de Portas e Cuntis para evitar o avance das lapas, que pola rápida intervención dos bombeiros afectaron unicamente a unha superficie duns 500 metros cadrados.
A escarpada orografía do lugar e a dificultade para achegarse ao foco complicou os labores de extinción. Os profesionais que se encargaron do seu extición aseguran que se trata dun incendio intencionado, debido a que non hai constancia de ningunha queima agrícola descontrolada nin puido orixinarse por causas naturais.
As lapas calcinaron boa parte da canteira e súa altura alertaron á poboación e fixeron que os servizos de emerxencias actuasen con présa para cortar o avance das mesmas. De feito, o lume avanzou cara a unha zona forestal de piñeiros que se atopaba en bo estado de conservación o que, xunto coa actuación dos bombeiros, permitiu frear o avance do incendio.
Despois de dúas horas de traballo, os efectivos de Emerxencias, Protección Civil e Medio Rural deron por extinguido o incendio.