"Limpa o pisete nun periquete", a campaña de Marín contra os ouriños dos cans
Por Redacción
O Concello de Marín pon en marcha unha campaña de concienciación social para a limpeza dos excrementos dos cans na vía pública. Este tipo de accións promovidas polo goberno local son habituais, pero esta vez centran os seus esforzos nos ouriños dos cans.
"Outras campañas que vimos realizando sobre os excrementos deron o seu resultado e por iso agora queremos focalizar a mensaxe na limpeza dos ouriños, que tamén é importante e que consideramos que debe ser un hábito que forme parte do día a día da veciñanza", explicou este luns a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín.
Para cumprir o obxectivo, o Concello repartirá entre os donos de cans censados no municipio unhas botellas de plástico reutilizables que levarán serigrafiada unha ilustración e a mensaxe "limpa o pisete nun periquete". Esperan comezar a repartilas despois de Semana Santa e con esta campaña esperan tamén conseguir ampliar o censo de cans marinenses.
Na actualidade, nos fogares de Marín viven 615 cans e desde o goberno local lembran que é obrigatorio censar a estes animais. Para facelo. o requisito imprescindible é que teña michochip, dispositivo necesario para demostrar a propiedade do can en caso de perda ou roubo. Para censar ao animal é necesario acudir ao veterinario para poñerlle o chip e recibir a cartilla que verifica a súa existencia. Esta debe ser presentada no Concello co impreso que está dispoñible na páxina web.
Con respecto á limpeza dos excrementos de cans na rúa, o goberno local avanza que rexeitará a proposta do PSOE de modificar a ordenanza para incluír no texto a súa obrigatoriedade. Argumentan que son máis partidarios de realizar campañas de concienciación que de acudir á vía coercitiva.