A Xunta abre o prazo de inscrición nas escolas infantís públicas para o vindeiro curso
Por Redacción
Segundo informa a Xunta de Galicia, entre este mércores 24 de marzo e o luns 12 de abril permanecerá aberto o prazo de inscrición para o curso 2021-2022 nas escolas infantís da rede pública autonómica.
No Diario Oficial de Galicia do 23 de marzo facíase público este procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís para nenos e nenas de cero a tres anos. Unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes, o 10 de maio publicarase a lista provisional de admitidos e excluídos. Trala apertura dun prazo de reclamacións, a listaxe definitiva farase pública o 24 de maio e a matrícula estará aberta entre o 1 e o 10 de xuño.
Tanto nas solicitudes para a renovación de praza do alumnado xa escolarizado durante o curso 2020-21 como para o de novo ingreso, recoméndase a súa presentación de xeito telemático a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Así mesmo, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera rexistro oficial.
O Goberno galego informa que o vindeiro curso será o segundo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos en escolas infantís privadas, municipais e de iniciativa social e que segue apostando polos recursos de conciliación no rural coa posta en marcha de preto de 100 casas niño.
En toda Galicia, estarán en funcionamento o vindeiro curso 173 escolas infantís da rede autonómica, que poñen a disposición das familias un total de 10.383 prazas.