Educación prorroga a vixencia dos libros de texto de 4º e 6º de Primaria e de 1º e 3º da ESO
Por Redacción
As familias con nenos escolarizados en 4º e 6º de Primaria ou de 1º e 3º da ESO tiñan que renovar os seus libros de texto de cara o próximo escolar, pero Educación decidiu prorrogar a vixencia dos actuais para evitar o gasto extraordinario nas familias.
Así, segundo anunciou o goberno galego, a súa renovación farase coincidir coa entrada en vigor dos currículos da nova lei educativa, que rexerá a partir do curso 22-23.
A renovación dos libros, segundo Educación, suporía un gasto total de máis de 10 millóns de euros para as nais e pais en libros que só servirían para un ou dous anos académicos e non poderían pasar despois nin a outros nenos (irmáns, outros familiares...) nin a un banco de préstamo.
O aforro por familia será de entre 105 e 280 euros en función do nivel educativo e da renda familiar, destacan desde a consellería, que apuntan que esta decisión acordouse coas ANPAS, a xunta de directores e os representantes do sector do libro.