Caldas investirá máis dun millón de euros no saneamento das augas residuais
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis iniciará nos vindeiros meses as obras e proxectos de saneamento de augas residuais. Segundo informou este venres o concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, Manuel González, Caldas investirá 1.200.000 euros para estender este servizo en todas as parroquias e nos máis de 60 lugares do municipio.
Ademáis, a Xunta de Goberno Local aprobou a inclusión no Plan Concellos da Deputación das obras de saneamento en Tivo, Pazo e Castaños (Santa María) que conectarán coa estación depuradora das Corticeiras por un orzamento de 372.934 euros. As de Paraimas (Saiar) terán un importe de 195.826 euros e, o expediente de contratación da primeira fase das obras de saneamento en Paradela (Bemil), aprobouse por un importe de 288.507 euros. Finalmente, as obras de mellora da rede de saneamento e de pluviais na Rúa Real de Caldas terán un importe de 319.400 euros e estarán financiadas con cargo ó Plan Concellos e tamén á Área de Rehabilitación Integrada (ARI).
O Concello tamén ten redactados e pendentes das autorizacións sectoriais os proxectos técnicos de saneamentos para os lugares de Igrexa e Soutelo de Abaixo (Saiar); de Reguengo (Godos); e para o Camiño Real en Santa María. Estas obras teñen un orzamento total de máis dun millón de euros.
Actualmente tamén están a redactar os proxectos técnicos de saneamentos de augas residuais de Casaldrago, Ribocias, e a conexión de Igrexa con Faramentáns (San Clemente); Gorgullón (Carracedo); Arretén e Calvelos (Saiar); Calcote, Coto de Abaixo e Coto de Arriba, Currás e Santa Catalina (Godos); e Valsordo, Penalta e Arosa (Arcos da Condesa), entre outros puntos que están a ser avaliados tecnicamente para completar as redes de saneamento en todas as parroquias.