Detido un veciño de Poio que utilizaba unha adolescente de 13 anos para vender cocaína
Por Redacción
O grupo de prevención da delincuencia de seguridade cidadá da Policía Nacional detiña na tarde do venres a un home, veciño de Poio, como presunto autor dun delito de tráfico de drogas. Segundo indican fontes da Comisaría da Policía Nacional, os axentes detectaban a presenza de varias persoas toxicómanas nos arredores da Alameda e da rúa Echegaray.
Os efectivos policiais comprobaron como este grupo de persoas se atopaba á espera cando un coche conducido por unha muller detense na contorna da Alameda e do vehículo descende un home acompañado por unha adolescente.
A partir dese momento, un dos toxicómanos que se atopaba falando por teléfono diríxese ao home e á nena. Sorprendentemente, prodúcese un intercambio entre o toxicómano e a menor. Un dos axentes que se atopaba no operativo interceptou ao individuo que se dirixiu á adolescente e comproba que leva unha papelina de cocaína.
Nese momento, outros axentes deteñen ao veciño de Poio, que levaba 330 euros en efectivo. Segundo fontes policiais, o detido de 46 anos utilizaba á nena para realizar a venda de substancias estupefacientes.
DETIDA UNHA PARELLA POR VENDA DE DROGA
Tamén o venres 26 ás 23.00 horas, unha parella tamén era detida na praza de Galicia. Ambos baixaron do autobús que procedía de Marín e, na mesma parada, esperaba un grupo de toxicómanos.
Os axentes sorprenderon ao home e á muller, de 45 e 50 anos, cando estaban a efectuar a venda de droga. No operativo intercéptaselles unha caixa metálica con nove envoltorios plásticos que, segundo fontes policiais, contiñan heroína e outras papelinas de cocaína. Ambos foron trasladados a comisaría como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas.