Trata de eludir un control policial en Cambados e remata batendo contra un muro
Por Redacción
Un mozo de 19 anos foi denunciado pola Garda Civil tras sufrir un accidente no municipio pontevedrés de Cambados, despois de que tratase de eludir un control policial e chocase co seu coche contra un muro.
O suceso produciuse na tarde do pasado sábado, segundo informou hoxe a Garda Civil, no quilómetro 0,4 da estrada PO-302.
O condutor, que é veciño de Vilanova de Arousa e que ía acompañado doutra persoa, tentou esquivar o control policial cambiando bruscamente a dirección da súa marcha.
Debido a esta manobra, o mozo perdeu o control do coche e saíu da estrada, chocando contra o muro dunha vivenda.
Os dous ocupantes do coche resultaron ilesos pero alén do muro estaba un dos habitantes da vivenda, que acabou ferido de gravidade nunha perna e tivo que ser trasladado de urxencia ao hospital Montecelo de Pontevedra.
Na proba de alcoholemia, o mozo obtivo senllos resultados positivos de 0,66 e 0,65 mg/l de alcol en aire espirado, o que ao ser un condutor novel supón cuadriplicar a taxa máxima, fixada en 0,15 mg/l.
Ao condutor atribúeselle un delito contra a seguridade viaria e outro de lesións por imprudencia o que, entre outras sancións, podería carrexarlle prisión de tres a seis meses e a retirada do permiso de conducir por un tempo máximo de catro anos.
Relacionadas:
-
Interceptan un camioneiro pontevedrés que multiplicaba por seis a taxa máxima de alcoholemia
Por Alejandro Espiño |
-
Alcoholemias ao volante en 2020: redución drástica no confinamento e o peche perimetral e disparadas no verán
Por Natalia Puga |
-
Alcoholemia de récord en Poio: provoca un accidente tras beber seis veces máis do límite permitido
Por Redacción |