A Xunta non autoriza o 'lombo' entre a Cultural de Marcón e o acceso á igrexa
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal non poderá executar o núcleo de centralidade de Marcón como tiña previsto. A Xunta de Galicia non autoriza a instalación do paso de peóns sobreelevado para mellorar a seguridade viaria entre a Cultural e o camiño que dá acceso á igrexa.
O informe autonómico indica que non autoriza este paso de peóns por entender que non cumpre as condicións establecidas na ordenanza de Fomento, concretamente por non tratarse dun treito urbano e por superarse os límites establecidos para a intensidade dos vehículos.
Desde o Concello volverase a remitir un escrito á Xunta para que reconsidere esta decisión por entender que se trata dun punto que conta cun importante volume de tránsito peonil e que precisa de elementos de calmado de tráfico.
Anabel Gulías, portavoz do executivo local, asegurou que "xusto ese lombo ten bastante lóxica" porque está pensado para reducir a velocidade nunha estrada "altamente transitada", con velocidades "maiores das recomendadas" e cun certo risco pola pendente "que favorece que se colla más velocidade na baixada".
Neste sentido lembrou que este elemento é indispensable atendendo a que "a nosa filosofía era crear un espazo de estancia e un espazo seguro".
Ademais, engadiu que a normativa de Fomento "non ten demasiada coherencia" para a ordenación da poboación en Galicia pola existencia de núcleos de poboación tan dispersos.
OBRAS NA RÚA DA TORRE E NO GDR DOS CAMPOS
A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda, a solicitude da empresa adxudicataria da reforma integral da Rúa da Torre, EC Casas, para a ampliación de prazo de execución as obras por un período dun mes, ata o próximo mes de maio.
O motivo para esta ampliación é permitir que se manteña a rúa aberta ao tráfico durante a execución das unidades de obra que faltan por realizar.
Ademais, tamén se deu luz verde á reanudación das obras do futuro local do GDR, o que era a antiga escola de Os Campos, e que foran suspendidas o pasado 8 de febreiro tras detectarse un problema estrutural na edificación.
Esta circunstancia fixo necesario encargar un proxecto modificado para solucionar o problema e reforzar a estrutura do edificio. O proxecto modificado incrementou o orzamento da obra en 85.158 euros, ata os 523.608 euros, e o prazo de execución amplíase en tres meses máis.