Marcón estreará nun mes o seu núcleo de centralidade arredor da casa parroquial
As obras para habilitar un núcleo de centralidade en Marcón, no ámbito da casa parroquial, entraron xa na súa recta final. A nova estética que terá todo este conxunto xa é visible. A previsión é que estes traballos rematen no prazo dun mes.
Ata o lugar acudiron este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro coordinador do rural, Alberto Oubiña, que estiveron acompañados de veciños e responsables da empresa COVSA, a compañía que está a executar as obras.
"Apenas faltan uns retoques para que rematen as obras", subliñou Fernández Lores, que ve nesta zona unha "mellora evidente" en accesibilidade ou estética.
O alcalde engadiu que "queremos facer desta zona, que na práctica xa o é, o núcleo social da parroquia", potenciando ademais a súa conexión cos lugares de Sabarís, Valadares e Pazos coa rehabilitación e iluminación dos camiños peonís e agrarios que os unen entre eles.
Entre as actuacións que se están a realizar, o rexedor pontevedrés destacou que esta zona será a primeira en contar cun drenaxe sostible, mediante a recollida de augas con pozos filtrantes que estarán debaixo do camiño formigonado.
A plataforma central do espazo, actualmente de xabre, será pavimentada con formigón e acabado varrido, confinada entre bandas de granito. Este tratamento permitirá garantir a drenaxe do campo en condicións semellantes ás dun terreo natural.
Xerouse tamén un acceso novo a esta plataforma desde a plataforma inferior a través dun itinerario en rampla adosado ao muro de contención, salvando a dificultade que supón a alta pendente do vial asfaltado que discorre polo lateral das plataformas.
No lateral, pola súa banda, adoptouse unha solución de rampla tipo italiana, con chanzos de pequena altura e bordes redondeados, con bancos que permitirán descansar. Tamén foi pavimentada en pedra e levará iluminación de balizamento.
Nesta actuación, que está financiada con fondos europeos, o Concello está a investir un 467.000 euros.
Fóra queda, polo momento, o paso de peóns elevado que o goberno municipal quería instalar na PO-542 para que os peóns cruzaran sen perigo entre a casa parroquial e a igrexa. Pero a Xunta denegou o permiso para situar este obstáculo na calzada-
"Estamos tentando, e non perdemos a esperanza, que algún día nolo deixen instalar e así reducir a velocidade dos vehículos na zona e facilitar o tránsito peonil", sentenciou o alcalde.