O CHUP incrementará as colonoscopias do programa de detección precoz do cancro colorrectal
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemora o Día Mundial contra o Cancro Colorrectal e, neste senso, o servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) quere incidir na importancia que ten a prevención precoz deste cancro a través da participación cidadá no vixente programa de cribado que mantén activo nesta área de saúde.
Este servizo do CHUP pasará de 30 a 42 colonoscopias deste programa de cribado á semana a partir do vindeiro día 6 de abril, co fin de asumir todas as convocatorias que se puideron ver afectadas pola pandemia de Covid no pasado ano 2020.
A xerencia da área sinalou que dito incremento de actividade poderá efectuarse "grazas a que o servizo ten as listas de espera máis baixas dentro dos servizos de Dixestivo de toda a rede sanitaria pública galega".
O cancro colorrectal é responsable de arredor de 40.000 novos diagnósticos ao ano, sendo así a patoloxía oncolóxica máis frecuente na poboación española. Detectar esta doenza en fases iniciais mellora de xeito substancial o seu prognóstico e supervivencia, incrementando as posibilidades de curación. De feito, está demostrado que este tipo de programas poden diminuír a mortalidade até nun 35%.
O 85% destes cancros orixínanse nun pólipo intestinal (adenoma) que maligniza nun período de ata 10 anos. A detección no programa de cribado de cancro de colon destes pólipos evita a sua evolución a un cancro.
FUNCIONAMENTO DO PROGRAMA
O programa de cribado de cancro colorrectal é o sistema do que dispón a área sanitaria para detectar lesións premalignas do xeito máis precoz posible. Durante o ano pasado, invitáronse a 9.601 persoas a participar nesta iniciativa preventiva, das cales aceptaron tan só 4.150 persoas, o que corresponde a unha participación do 43%.
Dun total de 786 colonoscopias realizadas, detectáronse 554 lesións premalignas e 13 cánceres en estadío precoz, o que implica unha supervivencia do 90%.
A proba de cribado consiste na detección de sangue oculta nas feces. A poboación diana, homes e mulleres de 50 a 69 anos, recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación co franqueo pagado.
Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela.
Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde. As persoas con resultado negativo recibirán una carta con este resultado de normalidade e se lles volverá a invitar no prazo de dous anos. As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de atención primaria para explicarlles o significado e a necesidade de realizar unha colonosocopia para detectar ou confirmar a presenza de lesións.
FACTORES DE RISCO E PREVENCIÓN
As persoas con historia familiar de cancro colorrectal e aquelas con enfermidades inflamatorias intestinais crónicas teñen máis risco de desenvolver esta patoloxía. Na poboación xeral, a idade é o principal factor de risco, xa que o 90% deste cancro atópase en maiores de 50 anos.
Calculase que ata o 90% dos cancros colorrectais poderían previrse levando unha vida sana: dieta mediterránea, exercicio físico regular, non fumar nin consumir alcohol e, por suposto, participando no programa de cribado de cancro colorrectal.
Malia que non adoitan causar ningunha molestia ata que está nunha fase moi avanzada, algúns dos síntomas que se identifican como máis frecuentes son os cambios de hábito intestinal e a emisión de sangue polo recto sen molestias asociadas.