Montecelo, primeiro hospital galego en empregar un enteroscopio espiral para tratar lesións no intestino delgado
Por Redacción
Este sábado conmemórase o Día Mundial da Saúde Dixestiva e con motivo desta celebración, o Servizo do Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) lembra á cidadanía a importancia do diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades dixestivas.
O bo funcionamento do sistema apóiase nun tránsito intestinal adecuado e nunha flora intestinal ( microbiota) equilibrada. Neste sentido, o intestino delgado preséntase como a parte máis alongada do sistema dixestivo e conecta o estómago co intestino groso. As súas funcións son vitais ao permitir a dixestión, a absorción de nutrientes, realizar actividades de barreira protectora e garantir a inmunidade.
Para avanzar na comprobación do correcto funcionamento do intestino delgado, o Servizo de Aparello Dixestivo do Hospital Montecelo foi o primeiro en Galicia en equiparse cun enteroscopio espiral motorizado PowerSpiral. Trátase dunha ferramenta terapéutica que permite acceder ao intestino delgado dunha forma máis sinxela, rápida e precisa e, sobre todo, mellora o tratamento das lesións que se rexistran no seu interior.
A doutora Victoria Álvarez e o doutor Roberto Soler son os especialistas deste equipo certificados polo Hospital Montecelo para o uso deste aparello terapéutico, xa que se precisa unha formación técnica e un adestramento previo ao seu uso. Só outros cinco centros sanitarios de España contan con este sistema.
Victoria Álvarez explica que esta ferramenta motorizada supón un "gran avance" porque as patoloxías do intestino delgado sempre supoñen unha actividade laboriosa e "ata frustrante" para tratar ao non poder chegar a determinadas partes. Agora facilítase considerablemente a execución da proba médica xa que a duración se reduce a unha hora fronte ás dúas ou tres horas doutras probas utilizadas ata o de agora para explorar os pacientes.
Este instrumento utilizarase para o tratamento e diagnóstico de patoloxías do intestino delgado que se atopan fóra do alcance dunha colonoscopia e da gastroscopia convencional.
A enteroscopia é unha proba diagnóstica que permite observar o interior do intestino delgado. Este aparello introdúcese por vía bucal ou por vía anal e permite detectar e tratar anxiodisplasias que causan anemia e hemorraxias crónicas, que requiren transfusións moi frecuentes.
Tamén permite eliminar pólipos, lesións de carácter pre-tumoral e manexar complicacións en pacientes con enfermidades inflamatorias intestinais. A primeira enteroscopia realizada polos especialistas do Servizo de Aparello Dixestivo de Montecelo realizábase durante a terceira semana de maio e, segundo a valoración do mesmo equipo médico, foi un éxito.