Montecelo estrea unha pioneira técnica con células nai para a enfermidade de Crohn
Por Alejandro Espiño
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra fixo historia. Unha muller de 44 anos converteuse na primeira paciente en España en recibir unha terapia de células nai para tratar a unha persoa enferma de Crohn que sufría dunha fístula perianal complexa, unha complicación específica debilitante desta doenza que, só no noso país, padecen 150.000 persoas.
"É un momento feliz que culmina sete anos de traballo", destacou o doutor Juan Turnes, xefe do servizo de Dixestivo do hospital pontevedrés, que recordou que se trata dunha técnica pioneira na que a área sanitaria de Pontevedra asume un papel de liderado nacional na atención a estas doenzas que non teñen outra alternativa de tratamento.
Esta é a primeira terapia celular desenvolta e producida integramente en España, da man da biofarmacéutica xaponesa Takeda, e convértese así no primeiro medicamento baseado en células nai procedentes de doante en Europa que é aprobado e incluído no marco do financiamento público.
O uso destas células nai parte do traballo interdisciplinar que, desde xullo de 2012, desenvolven en Montecelo os servizos de Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Farmacia e Radiodiagnóstico, en colaboración coa propia compañía biofarmacéutica, que financia a aplicación desta terapia celular.
O hospital pontevedrés foi un dos poucos centros sanitarios españois que participou nos dous ensaios clínicos realizados antes desta intervención. Neles participaron once pacientes e para cinco deles o tratamento foi eficaz, en tres foino parcialmente e os tres restantes aínda están na fase de seguimento do tratamento.
Esta técnica, segundo os seus responsables, revelou uns resultados esperanzadores para a calidade de vida de certos pacientes con patoloxía intestinal, xa que estas fístulas son un problema "moi complexo" e lograr un tratamento que teña éxito permite mellorar "sensiblemente" a calidade de vida dos pacientes con Crohn.
A aplicación das células nai, engadiron, ten entre un 55% e un 60% de efectividade, unha cifra superior "a calquera fármaco" que exista no mercado. Esta técnica permite atender a persoas con fístulas perianais que non responden ás terapias dispoñibles actualmente e que, polo de agora, tiñan opcións "limitadas" de tratamento.
Na operación cirúrxica, que se desenvolveu con éxito este venres, esta "paciente cero" recibiu 120.000 millóns de células nai, que teñen propiedades rexenerativas "únicas", mediante unha intervención "minimamente invasiva", segundo os responsables do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, que permite que o tecido afectado se recupere.
A terapia, antes de ser aplicada, tivo que ser probada para evitar danas as células nai empregadas. Ademais, houbo que garantir o "cumprimento estrito" das boas prácticas do proceso de adquisición, distribución e conservación das células coa compañía farmacéutica.
Durante todo ese proceso, o traballo do servizo de Farmacia foi "clave" para manter as condicións de conservación e o tempo de estabilidade das células nai, que deben estar monitorizadas dende a planta de fabricación ata a súa reconstitución na área cirúrxica para a implantación no paciente.
"Este é o comezo dunha nova era á que estamos asistindo en directo", subliñou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, que destacou que este será un "punto de inflexión" para o lanzamento de máis medicamentos de terapia celular.
Esta nova terapia con células nai está indicada para o tratamento de fístulas perianais complexas en pacientes adultos con enfermidade de Crohn, que en Galicia afecta a unhas 250 persoas por cada 100.000 habitantes.
Os membros da Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII) celebraron que Montecelo teña dado un paso tan importante para atender as persoas que sofren e conviven de maneira habitual con esta doenza.
"Para nós é un día grande. É un antes e un despois", explicou Víctor Loira, que asegurou que como portador de catro fístulas "vivir é fastidiado". Incapaz de conter as bágoas, indicou que "en poco tempo agardo ter a sorte de aproveitarme disto".
Na actualidade só hai tratamentos farmacolóxicos moi limitados para o tratamento de fístulas perianais complexas, unha situación que desemboca en que os pacientes xeralmente requiran continuos procedementos cirúrxicos asociados coa morbilidade e cun maior risco de estoma permanente, que é unha abertura creada de xeito cirúrxico na superficie do abdome.
Relacionadas:
-
A APP pontevedresa que axuda os pacientes con Crohn a xestionar o seu día a día
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Alertan do aumento de casos de enfermidade de Crohn e colite ulcerosa entre poboación nova de Pontevedra
Por Redacción |
-
Montecelo, primeiro hospital galego en empregar un enteroscopio espiral para tratar lesións no intestino delgado
Por Redacción |
-
A xestión e innovación do CHOP nomeada aos premios New Medical Economics
Por Redacción |
-
A área sanitaria de Pontevedra mantén as listas de espera máis baixas de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Este mes farase a segunda intervención con células nai a outra nova enferma de Crohn
Por Marisa Ciordia |
-
O documental sobre a volta a Galicia polas enfermidades inflamatorias intestinais estréase no Teatro Principal
Por Redacción |
-
"Certificación con Excelencia" para o CHOP pola atención á enfermidade inflamatoria intestinal
Por Redacción |
-
Montecelo adica unha semana ás enfermidades inflamatorias inmunomediadas
Por Redacción |
-
Atención "multidisciplinar" para mellorar o coidado dos pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal
Por Redacción |