O BNG de Marín esixe que arranxen as deficiencias na estrada PO-313
Por Redacción
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, preguntou ao goberno municipal do Concello de Marín se ten proxectada algunha obra de renovación do asfaltado no tramo da PO-313 que vai dende Coirados até Pardavila.
Lucía Santos afirma que como consecuencia das obras da senda peonil que se realizaron neste tramo da estrada "o asfaltado quedou moi danado e as actuacións posteriores limitáronse a parchear baches".
A nacionalista sinala que dende hai un par de meses está realizándose un novo pintado da sinalización na estrada, lixando as antigas liñas con maquinaria pesada "que está deixando o asfalto en mal estado nunha vía con gran tránsito".
É por isto que a portavoz municipal do Bloque de Marín preguntoulle ao concelleiro delegado, Francisco José Estévez, se o goberno local ten previsto levar a cabo algunha actuación para mellorar a estrada, "ou se como todo parece indicar vai quedar así, xa que se trata dunha vía principal de conexión para o concello".
En resposta á pregunta formulada, o concelleiro da área de mobilidade comprometeuse a consultalo para dar resposta na maior brevidade posible.
Lucía Santos considera que o traballo que se fixo na estrada "é unha auténtica chapuza", polo que "o BNG esixirá que se arranxen as deficiencias para que a veciñanza dispoña dunha estrada PO-313 digna pola que circular".