Pontevedra, exemplo de boas prácticas en materia de mobilidade para publicacións de Austria e Italia
Por Redacción
O modelo urbano de Pontevedra no só está a espertar o interese de institucións de distintos lugares de España e Europa, tamén contactaron co Concello nos últimos meses para recoller a experiencia pontevedresa en diversas revistas e estudos de investigación sobre mobilidade e urbanismo.
É o caso da revista da organización ambiental austríaca VCÖ, ubicada en Viena e recoñecida polo Ministerio de Protección do Clima austríaco. A entidade avoga por unha mobilidade ecoloxicamente compatible, socialmente xusta e economicamente eficiente.
Pontevedra aparece na revista trimestral 'Máis espazo para a mobilidade activa', nun número no que se aborda a mobilidade e a saúde. A cidade do Lérez aparece como exemplo de boas prácticas e de tráfico tranquilo.
O departamento de comunicación de VCÖ púxose en contacto co gabinete de comunicación do Concello para solicitarlle material ao respecto do modelo de cidade, así como fotografías que acompañasen á publicación.
O departamento de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, tamén recibiu neste mes de marzo a solicitude dos arquitectos italianos Sara Cipolletti e Marco d’Annuntiis para reproducir o metrominuto pontevedrés na publicación Child Friendly Architectures.
Trátase dunha publicación científica que recolle os resultados dun curso de formación realizado pola Escola de Arquitectura e Deseño de Ascoli Piceno, a Universidade de Camerino e Unicef Italia sobre os espazos deseñados para os nenos e os adolescentes. O curso, celebrado a finais de 20219, teorizou sobre a forma de pensar no deseño dos espazos para cativos e adolescentes tendo en conta os seus dereitos, promovendo a aprendizaxe de ferramentas e técnicas de deseño e novas tecnoloxías.
Os relatores queren agregar a escenificación das distancias a pé na cidade de Pontevedra ao seu texto sobre a planificación e a rede de espazos públicos para nenos e nenas.
Pontevedra tamén formará parte do vindeiro número da revista da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), no que aparecerá o suplemento as Cidades 30. Trátase dun documento preparatorio da aprobación desta normativa de tráfico prevista para o mes de maio.
A cidade colabora na publicación achegando fotografías sobre os diferentes elementos implementados na cidade para conseguir ser a primeira do Estado en implantar a velocidade 30 en todas as vías municipais urbanas a partir do ano 2011.