Constrúen novos aseos no Pazo da Cultura antes de licitar de novo o servizo de cafetería
Por Redacción
A través dun engadido ao edificio actual, que estará entre o cubo de acceso á sala de exposicións e a entrada principal do recinto, o Pazo da Cultura contará con novos aseos destinados aos clientes da cafetería.
Esta construción, segundo o Concello, tamén permitirá dar maior independencia á cafetería, que nestes momentos permanece pechada ao rematar a concesión en decembro. Non desentoará coas construcións actuais e só se poderá acceder a eles pola cafetería.
Os novos aseos funcionarán independentemente do resto do Pazo e permitirá solucionar ademais os problemas que tiñan de accesibilidade.
A cafetería dispuña de dous cuartos de baño unha planta máis abaixo aos que se accede só por escaleira, situación que incumpre a normativa de accesibilidade nos recintos hostaleiros.
Ademais, tamén se sirve dos cuartos de baño do propio recinto cultural, polo que os clientes do bar teñen que atravesar unha parte da instalación para poder acceder a eles.
En situación de pandemia, o uso das instalacións do Pazo da Cultura están sometidas a un protocolo de continxencia covid moi estrito o que impide o seu uso polos clientes da cafetería. Ademais, en moitas ocasións, deberán estar pechados a pesar de que o bar estea aberto.
Para resolver esta situación e dar máis independencia á cafetería, a Concellería de Cultura acordou realizar unha obra menor valorada en 43.000 euros, para dotala de cuartos de baño independentes ao recinto cultural.
Ao mesmo tempo, desde o Concello xa comezaron cos traballos para a redacción dun novo prego de condicións para volver a sacar a concesión que, segundo adiantan desde o goberno municipal, disporá de mellores condicións de explotación.