Propoñen mudar o festivo en Ponte Caldelas do Mércores de Cinza ao Luns de Pascua
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está a estudar a modificación do calendario de festivos locais para o vindeiro ano 2022. En concreto, o equipo de goberno propón que o Luns de Pascua sexa día festivo en lugar do Mércores de Cinza.
Segundo explica o alcalde Andrés Díaz, manter o festivo do Mércores de Cinza tralas festas do Entroido tal e como implementou o anterior Goberno local "resulta ser un día sen moito sentido, no medio da semana, que mantivemos por tradición, pero que vemos que non é operativo".
Por este motivo, considera o alcalde que a mellor opción é facer non laborable o Luns de Pascua en 2022, xa que tamén é un día non lectivo nos centros educativos "que permitiría ás familias unha mellor conciliación familiar e laboral e que tamén beneficiaría ás empresas e traballadores, pois disporían dunha parada máis prolongada en Semana Santa", matiza o alcalde.
A aprobación dos festivos locais faise no Pleno da Corporación do mes de xullo, así que ata entón o cambio non estará pechado e permitirá reflexionar sobre a viabilidade da proposta.
Cada concello ten potestade para fixar dous festivos locais cada ano. Neste sentido, o alcalde xa avanza que non se mudará o segundo festivo local, que está establecido para o mércores da Festa das Dores.