Imaxes a cor de todo o municipio ilustran o calendario de Ponte Caldelas para 2021
Por Redacción
Reunir a esencia de Ponte Caldelas nunha publicación que acompañará aos veciños os próximos doce meses. Ese é o espírito do calendario municipal para 2021, un agardado almanaque que xa está a disposición de todos os caldeláns.
Este calendario que, como cada ano, será de reparto gratuíto, volve a optar por ilustrarse con imaxes de todo o municipio. Como novidade destaca que foi elaborado a todo cor e incorporáronse refráns en cada un dos doce meses do ano.
"Como o 2020 foi un ano un pouco gris queremos que o 2021 veña cargado de enerxía, de positividade e de moita cor", asegura o alcalde, Andrés Díaz, que recorda que no calendario veñen todas as feiras, as festas de cada lugar e os eventos que se organizan a nivel municipal.
Nesta ocasión, protagonizan o calendario a Fonte Luminosa da Praza de España, os petróglifos de Tourón, a ponte de madeira sobre o Río Verdugo, o campanario da Igrexa de Santa Baia, as secuoias de Buchabade, a Praia Fluvial da Calzada, o embalse de Eiras, a Alameda, a capela do Casteliño, os pasos de Portasouto, a Casa Verde e a Fonte do Chafarís.
O calendario entregarase porta a porta en todas as vivendas do concello e tamén se distribuirá nos comercios e locais de hostalería da vila.
Os interesados en conseguir un exemplar deste calendario tamén poderán recollelo directamente na casa consistorial, segundo informan desde o goberno municipal.
Relacionadas:
-
Propoñen mudar o festivo en Ponte Caldelas do Mércores de Cinza ao Luns de Pascua
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra reparte desde este xoves 15.000 exemplares do seu calendario para 2021
Por Redacción |
-
Ilustracións de portas históricas de Marín marcarán o paso dos meses de 2021
Por Redacción |