O Concello de Pontevedra reparte desde este xoves 15.000 exemplares do seu calendario para 2021
Por Redacción
A partir do xoves 10 de decembro, todas as persoas que o desexen poderán recoller o calendario 2021 do Concello de Pontevedra, que nesta ocasión compila un total de 24 imaxes históricas que ilustran a evolución da cidade ao longo do século pasado.
Editaronse un total de 15.000 exemplares e poderán recollerse na Oficina de Turismo e nas dependencias municipais de Michelena 30.
O calendario, ademais de visibilizar graficamente a historia máis recente de Pontevedra, tamén trata de poñer en valor a importancia do traballo de custodia, conservación e difusión que se realiza desde o Arquivo Municipal.
Todos os documentos incluídos no calendario proceden do Arquivo, e están complementados cunha extensa e detallada información sobre cada unha das imaxes e que as contextualiza historicamente. A esta información adicional pode accederse mediante un código QR incluído no propio calendario.
Inclúese un cartaz, tres vistas aéreas, dous planos, dúas postais, trece fotografías e tres proxectos, dos cales dous non chegaron a realizarse. A imaxe máis antiga, un plano da cidade de Pontevedra e dos seus arredores, data de 1901 e a máis recente, unha vista aérea da cidade, de 1965.