Ponte Caldelas reparará preto de 40 parques infantís
Por Redacción
Ao redor de 40 parques infantís de Ponte Caldelas serán reparados nas vindeiras semanas co plan integral aprobado polo Concello.
Trátase de parques repartidos polas diferentes aldeas; a maioría deles, construidos con madeira e que sofren o paso do tempo, coa choiva e humidade, polo que cada poucos anos, a maiores das labores de mantemento habituais, necesitan unha actuación completa.
Este plan permitirá reparar todos os desperfectos que haxa nos columpios e aplicarlles os correspondentes tratamentos para mantelos en bo estado. Segundo adiantou o Concello, reporán as pezas, elementos metálicos ou de madeira que puidesen faltar, farán unha limpeza en profundidade e pintarán os elementos que así o precisen.
"Que os parques infantís estén en bo estado é moi importante. Queremos que os nosos nenos medren felices e seguros", indica Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, concello que sigue medrando en poboación e incorpora familias novas con nenas e nenos que queren desfrutar das áreas de lecer.